Soa o Silencio

Soa o Silencio é unha ventá aberta á cidadanía, onde tentaremos achegarvos temas que vos interesen, realidades incómodas, asulagadas. Para iso contaremos, en cada programa, cun espazo de entrevistas e conversas para que sexan os que saben de cada asunto os que boten luz a temas escuros. E tamén faremos soar as voces da rúa, esas críticas tantas veces silenciadas.

En cada programa ademais dos temas sociais, achegarémonos á cultura a través da música e da lectura. Ensaios novelas, teatro, poesía… Para que vaiades petiscando. Tamén contaremos con algunha sección que por agora, deixamos que sexan sorpresa.

Estamos gravando no local da Asociación Cultural A Galleira, en Ourense. Pero seremos un programa itinerante achegándonos a distintos lugares da cidade para escoitar como soa o silencio.

gravando.png

Subscríbete a Soa o Silencio

SoS #5 Vivindo o rural

Desprazámonos ata a marabillosa taberna A Arca da Noe para gravar o quinto capítulo do noso programa Soa o Silencio. En ‘Vivindo o rual’ quixemos afondar nisto, no que supón vivir e traballar no rural, nas nosas aldeas practicamente abandonadas. E para iso contamos con xente que pode falar por propia experiencia.

SoS #4 Falemos do suicidio, a morte silenciada

En Galicia, cada día unha persoa acaba coa súa propia vida. Os datos son preocupantes, os últimos que recolle o Instituto de Medicina Legal de Galicia, o IMELGA, din que en 2015 suicidáronse 324 persoas, e entre o 2010 e o 2015, un total de 2070 persoas quitáronse a vida en Galicia. Para axudar a compreder por que unha persoa decide acabar coa súa propia vida, pensamos que hai que falar do suicidio.

SoS #3 Desmonando o amor romántico

Este terceiro programa de Soa o Silencio quere desmontar os mitos do amor romántico e unímonos ao reto de desaprender xuntas, de darlle a volta aos conceptos e ás emocións impostas polo heteropatriarcado e o capitalismo.

SoS #2 8M As mulleres paramos o mundo

Hoxe Día Internacional da Muller, escoitamos as voces fortes e valentes das mulleres. Entrevistamos a unha desas mulleres, feminista en tódolos ámbitos da súa vida, de Ourense, poeta, profesora e futura académica da Real Academia Galega, a escritora Chus Pato. Da loita feminista na Galiza e tamén en Ourense e das accións e reivindicacións deste 8 de marzo, conversamos con Lucía e Ximena, integrantes da Coordenadora Local de Ourense da Marcha Mundial das Mulleres.

SoS #1 As ameazas do CETA

Que prexuízos nos traerá o CETA ante a súa inminente ratificación no Parlamento europeo? Para coñecer máis polo miúdo os seus efectos entrevistamos a Ánxeles Faraldo da plataforma Ourense di NON ao TTIP e conversamos con Daniel Rodicio, do Sindicato Labrego Galego e Ángel Manuel Dorrío da organización ecoloxista Amigos da Terra.