Somos un grupo de veciñas de Ourense que cremos noutro xeito de comunicar. Creamos día a día esta radio libre e comunitaria para non só ser meras espectadoras dos medios de comunicación, senón para empoderarnos e ser nós as que comunicamos. Dende a nosa rúa, dende o noso barrio e dende a nosa cidade. Contamos o que queremos contar, que non é pouco, e como queremos. Para quen o queira escoitar, quen queira participar ou quen esté interesada nos temas dos que falamos, para a comunidade.
Radio Liverdade é unha radio libre, comunitaria, autoxestionada, horizontal, itinerante, colaborativa e en galego. Participamos xente moi diversa, xente interesada na comunicación, do activismo e dos movementos sociais da cidade, xente con ganas de contar historias e de falar de temas esquecidos nos medios de comunicación de masas. Queremos darlle voz ás que non teñen voz, facer visible o invisible e romper o silencio en LiVerdade!
A liberdade conséguese con verdade e por iso queremos tratar os temas con veracidade con opinións diversas e con honestidade. Un novo xeito de achegarnos á realidade de Ourense, dende unha perpectiva de xénero e inclusiva para falar de temas sociais, cultura, feminismo, lesbianismo, ecoloxismo, a historia da cidade o deporte feminino e moitos outros asuntos que nos importan e aos que queremos darlle visibilidade con este proxecto de creación colaborativa.
Se queres participar, xa sabes, contacta con nós e comeza o teu propio programa de radio!