Fala a Cultura

Escoitar o programa

Radio Liverdade sae unha vez máis á rúa, onde máis nos gusta estar, para falar dun dos temas máis quentes de Ourense, a Cultura. Convidamos a un faladoiro aberto a persoas do tecido cultural ourensán, tanto da industria, da xestión ou da base, para que nos conten cal é a situación actual e cales son as súas visións con respecto a algo que nos afecta a todas, como é o acceso á cultura e o papel que deben xogar as administracións en garantir ese dereito fundamental das cidadás.

Alba e Manuela moderaron unha conversa nas escaleiras do (aínda) pechado Museo Arqueolóxico, no luscofusco ao calor das badaladas da catedral. Convidamos a moita xente mais faltounos unha voz implicada, o Concelleiro de Cultura do Concello de Ourense, Mario González, declinou a noso convite a participar e expor a opinión do goberno da cidade sobre a política cultural que pretende desenvolver. Tampouco quixo participar ningunha responsábel política do concello.

Así, polos nosos micrófonos pasaron Lucía Cedrón, da AOFT, Fernando Dacosta, de Sarabela Teatro, Ximena G. Ataide, da A Galleira, Francisco González, director do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Óscar Penín, de A Bela Auria, Manuel Precedo, do Cineclube Padre Feijoo, Alfonso Rodríguez, poeta e Tegra Vázquez, de Trécola Teatro. E tamén contamos coas intervencións de Rebeca Baceiredo, filósofa, e Daniel Minimalia, guitarrista e Arcadio Nóvoa, de Os amigos dos músicos. Agradecemos a todas as participantes a súa colaboración, agardamos que gostasedes tanto coma nós facendo este programa.

 

O historiador Óscar Penín leunos un texto que tiña preparado ao respecto do tema.

A depresión ourensá (2ª parte)

Recoñezo que debido á miña pouca contención persoal, rara vez se me ofrece unha segunda oportunidade para opinar sobre un tema. Por esa mesma razón, decidín mudar o meu estilo criticón, por outro moito máis académico.

Quixen redactar un documentadísimo artigo que, como nos ensinou don Ramón, debería comezar por unha detallada descrición xeográfica, ao fin de situar ao lector no espazo atinxido polo tema.

O caso é que, ao non posuír unha intelixencia comparable ao do intelectual ourensán, fun parar a onde van todos os malos estudantes, ao google, coa idea de que ao teclear a xeográfica “depresión ourensá”, o buscador devolveríame o artigo medio feito.

Para miña desesperación, o resultado parecíase máis a unha guía de psicólogos e para-psicólogos que ao ansiado tratado descritivo das condicións xeográficas da nosa cidade. Algo así como ir por pan e volver con medicamentos.

Novamente no principio, din en reflexionar sobre o momento exacto no que Ourense deixou de constituírse en depresión xeográfica e comezou a precisar un tratamento masivo de pílulas.

Un está seguro de que a Guerra e a postguerra requiriron a inxesta de algo máis de auga en pan ácimo. A guerra civil e a represión contra os membros da xeración Nós deixaron un Ourense lúgubre e negro como o Licor Café do Cibrao, o Bocas e o Milhomes.

O mesmo licor que impulsa a explosión cultural dos 60´s en torno a taberna do Tucho, O´Volter. Bar onde se xuntarían os superviventes da xeración Nós e os novos creadores, “Os Artistiñas”, dando como resultado unha década dourada. Ao final, ao igual que Charles Manson acabou co soño hippy en América, o caso do Metílico (1967), polo si ou polo non, tamén marca o comezo do lento emigrar dos nosos artistas cara Vigo.

Con todo, Ourense crece. Os 70´s marcan a chegada masiva dos retornados. Da noite á mañá, cando o Ourensáns de Toda a Vida, emerxen dos tugurios do centro, atópanse arrodeados por milleiros de Garcías.

Garcías da Limia, Garcías de Moterrei, Garcías da Ribeira Sacra e, mesmo, algún García negro vido de Bemposta. Son estes os anos nos que se fundan os clubs exclusivos. A asociación de tenis de Tal, o clube do campo de Cual ou o Paraninfo de Roncual. Ourense ferve a porta pechada.

Chegan os 80´s e, cara final da década, os García e os Non-García teñen fillos que mocean entre eles. O parque de san Lázaro americanízase a pasos axigantados; namentres, moi perto, a Casa da Xuventude acolle os movementos máis underground. Os Ovella Negra, Comando Estrela Galiza ou o Frente Comixario unidos grazas a Benito Losada, producen un estourido cultural sen comparación, en número e en espectro social.

Nesta mesma época, suponse que o galeguismo manda. Fai seu o lema dos Sex Pistols: “Aprende a tocar unha gaita e monta unha banda”. Son este anos no que “España va bien” e os Viños mellor. Hai diñeiro de Europa e nacen multitude de iniciativas no cinema, no teatro e na música. Iniciativas que veñen a acompañar o legado de Benito na banda deseñada, na fotografía ou na ilustración.

Sen darnos moita conta, cruzamos o milenio e atopámonos gobernados por partidos novos. Son anos nos que se crean dous de todo….menos arqueolóxicos. Os novos xestores redactan o seu propio contrato cultural. Algo así como: Banda Basotti ás 21:00 e o Papitour de Miguel Bosé ás 22:00. Todo marcha ben para a meirande parte da cultura ata que chega a crise do sistema. Aí é cando nace Gonzalo (o futuro alcalde non o campión de skate). A emigración e a precariedade golpean duro. Nos seguintes dez anos cae a totalidade do legado de Benito, tambalea o OUFF e morren decenas de iniciativas de maior ou menor calado.

Jácome convértese en alcalde coa promesa de deitar outras tantas. O sector cultural de Ourense comeza a inxesta masiva de tranquilizantes.  Os “culturetas” téñeno negro. Con todo, queda a sensación no aire de que se a matemática Hipatia vivise en Ourense tamén sería denostada publicamente. Para que queremos matemáticas, se un computador fai o mesmo traballo e máis rápido- dirían-.

Imaxínense se investísemos o diñeiro que custa a biblioteca de Alexandría nun centro de intelixencia artificial. Un pouco como cando meu pai fixaba o  inicio do meu futuro na comprar dun ordenador, aínda que el non vise un cacharro similar na súa vida. O caso é que o importante para Jácome non é o que fai o ordenador ou a cultura. Para el, o importante é que non teña subvención, cousa que ao parecer é malísima segundo reza a fachada dun bar do centro.

Por iso, ESCUA, está a traballar sen recibir nada por parte das institucións (neste caso si é verdade) e o certo e que tan mal non lles vai. Debe ser porque a cultura é moito máis do que algúns pensan. Faise en calquera parte e por calquera persoa. Ata neste artigo pode haber cultura.

Como proba…aí queda un cadáver exquisito coas declaracións de Jácome:

“REVITALIZACIÓN CULTURETA EN PORTUGAL, CARÍSIMO BONO EN OURENSE”

 

A cultura é liberación, arrinca a cizalla, varre os cascallos, afasta o verme que destroza os ternos gromos da pranta, proxecta raios luminosos e caloríficos, é como a caída benfeitora dunha choiva nocturna.
– Nietzsche

Continuum, unha corrente de feitos que fluen libremente a través do tempo dunha a outra xeración. Os determinantes da cultura residen dentro da mesma corrente de cultura; unha linguaxe, un costume, unha crenza, ferramenta ou cerimoni, é o produto de precedentes e concomitantes elementos de procesos culturais.
– Leslie White

Calquera discusión sobre a cultura debe tomar como punto de partida o fenómeno da arte, porque a arte ten a capacidade de reflectir a sociedade na que está inmersa.
Pero a cultura devalúase a tal extremo que se transforma en puro entretemento. E os produtos do entretemento, como cualquera outro ben de consumo, só serven para pasar o rato, para enchen un baleiro e tenden a ser consumidos rápidamente. Sen reflexión, pan e circo.
– Hannah Arendt

A cultura constitúe o reino dos valores (o verdadeiro, o bo, o belo) e o campo da liberdade, mentres que a civilización correspóndese co mundo do útil e o necesario, e polo tanto co ámbito do traballo, estando así ligada ó aspecto da praxe.
– Marcuse

Sapere aude! atrévete a saber, cultiva o entendemento de xeito autónomo, só así poderás vivir sen guías, en liberdade.
– Kant

 

Agradecemos a súa colaboración a A Galleira, ó Grândola e ó Trampitán, pola súa predisposición e colaboración, sen a súa axuda non poderiamos facer programas de radio na rúa. E a Martiño pola producción e as fotografías.

Neste programa soaron:

Gonçalo Guerreiro – Fado liberdade
Los Murciélagos – Satisfacción
Burgas Beat e Magín Blanco – Anduriña
Los Tamara – As tres cousas

Escoitar o programa

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s