SoS #4 Falemos do suicidio, a morte silenciada

Escoitar o programa:

“Non hai máis ca un problema filosófico verdadeiramente serio: o do suicidio

Albert Camus

En Galicia, cada día unha persoa acaba coa súa propia vida. Os datos son preocupantes, os últimos que recolle o Instituto de Medicina Legal de Galicia, o IMELGA, din que en 2015 suicidáronse 324 persoas, e entre o 2010 e o 2015, un total de 2070 persoas quitáronse a vida en Galicia. O noso país ten así, con esas cifras, unha das taxas de suicidio máis elevadas con respecto ao conxunto do estado español e é a primeira causa de morte violenta, non natural. Triplica as mortes en accidentes de tráfico.

Malia esta realidade, as mortes autoprovocadas seguen a ser un tabú e un fenómeno ignorado nos medios de comunicación e na sociedade en xeral. Con este último programa queremos rachar con outro silencio máis, cheo de estigmas e prexuízos.

Para axudar a compreder por que unha persoa decide acabar coa súa propia vida, pensamos que hai que falar do suicidio. E facémolo nunha entrevista con Delia Guitián, psicóloga clínica e experta en suicidios e voceira do Movemento Galego pola Saúde Mental.

photo_2017-06-11_20-08-10

Os profesionais da saúde apostan por falar do suicidio pero falar axeitadamente para que deixe de ser así un tema tabú, unha morte silenciada. É preciso poñer este complexo problema sobre a mesa, analizalo e buscar solucións. Así o defende o Movemento Galego de Saúde Mental, creado no 2014, integrado por máis de 20 colectivos e 400 profesionais da saúde mental pública de Galicia, e que reclama a elaboración dun plan galego de prevención dos suicidios.

Na mesa de Soa o Silencio, no local de Escua, contamos coa presenza das integrantes do equipo da Unidade de Prevención de Suicidios de Ourense, a única que existe en Galicia e a segunda en España xunto á de Cataluña impulsada polo Hospital de Sant Pau de Barcelona. Esta unidade de prevención foi creada en 2009 polo SERGAS como unha área do Complexo Hospitalario de Ourense,  na actualidade está formada por unha psiquiatra, Marina González, unha psicóloga clínica, Teresa Reijas, e una enfermeira especialista en saúde mental, Amparo González. Con elas conversamos da importancia de falar dunha taxa de suicidios de 11,74 habitantes por cada 100.000 en Galicia. Cóntannos como o suicidio pode previrse e como se debe falar del axeitadamente nos medios de comunicación para conseguir que deixe de ser un tabú e unha morte silenciada.

 

A Organización Mundial da Saúde recoñece xa o suicidio como un problema de saúde pública, o dato que aportan é que 800.000 persoas se suicidan ao ano e por cada suicidio hai moitas tentativas, unhas 20 por cada un que o consegue.  En 2014, a OMS  publicou o seu primeiro informe sobre o suicidio ‘Prevención do suicidio: un imperativo global’, co que procura aumentar a sensibilización respecto da importancia do suicidio e outorgar á prevención alta prioridade na axenda mundial da saúde pública. Dentro do seu plan de prevención o documento titulado ‘Prevención de suicidios: un instrumento para profesionais dos medios de comunicación’. É unha responsabilidade dos medios e das xornalistas visibilizar e concienciar dun realidade que está aí como se fixo cos accidentes de tráfico ou como se está intentando facer cos violencia de machista.

suicide-infographic-es

O suicidio é a segunda causa de defunción no grupo de idade de 15 a 29 anos. No Plan de acción sobre saúde mental 2013-2020 os estados membros de la OMS comprometéronse a traballar para acadar a meta mundial de reducir as taxas nacionais de suicidios nun 10% para o 2020.

E rematamos o programa lendo un texto da introducción do libro ‘La mirada del suicida’ de Juan Carlos Pérez Jiménez, xornalista e sociólogo.

“Nunca un problema tan grave recibiu tan pouca atención. O suicidio cobra máis vidas que os accidentes de coche en todo o mundo e o número de casos aumentou un 60% nos últimos 50 anos. O sentimento de sorpresa xeneralizado que se observa cando alguén descobre estes datos, revela o nivel de secuestro ao que está sometida esta información. O grao de descoñecemento público é só comparábel á importancia da cuestión. Un millón de suicidios ao ano. Esa única cifra debería facer saltar todas as alarmas e converter o suicidio e a saúde mental nunha prioridade para os gobernos de todos os países. Porque, ademais, cada suicidio supón unha devastación emocional, e a veces tamén social e económica, para unha media de seis familiares ou amigos próximos, cuxos dramas arrancan no momento en que o suicida decide poñerlle fin ao seu sufrimento quitándose a vida, polo que a cifra de afectados rozaría os 7 millóns de persoas ao ano. E a tendencia segue aumentando.
Todos somos conscientes de que estamos expostos á casuística dun accidente de tráfico, que a estatística pode facer que calquera día formemos parte das listas de falecidos nas estradas. Ante esa posibilidade, tomamos medidas, procuramos ser precavidos e as institucións lémbrannos, de xeito a veces brutal, o perigo ao que nos expoñemos, para que a mensaxe cale e intentemos evitalo por todos os medios. Somos conscientes do risco que supón conducir un coche, pero non o somos tanto do perigo que supón guiarnos a nós mesmos. […]

Suponse que se trata de evitar unha posíbel conduta imitativa, pero a estratexia do silencio non está a funcionar. Ocultar unhas cifras que resultan estarrecedoras non evita a epidemia. Algo está mal enfocado á hora de abordar a dimensión que debe ocupar o problema do sufrimento humano capaz de levar a un individuo a quitarse a vida. […]

Non podemos apartar a vista dunha realidade que demanda unha atención plena e unha abordaxe frontal. As cifras do suicidio revelan a precariedade da nosa saúde mental como colectividade cunha contundencia asoballante. […] O número de suicidas é só a parte visíbel dun iceberg das afeccións colectivas, un problema de saúde pública que a nosa sociedade non parece saber abordar. […]

O suicidio de calquera ser humano provoca un sentimento profundo e visceral de rexeitamento e chega a desatar un discurso cargado de reproches cara quen opta por librarse do sufrimento cotián dun xeito que algúns consideran covarde e outros cargado de un valor inhumano. […]

O verdadeiro tabú no que debemos reparar reside na lei do silencio que a sociedade se impuxo a si mesma, o pacto colectivo para mirar cara outro lado investido de respecto ou de desprezo, pero que en definitiva, esquiva a ollada do suicida e dos seus familiares como cómplices indirectos ou sospeitosos por estar afectados polo mesmo mal. A cuestión pendente é pór sobre a mesa a necesidade que temos de afrontar os abismos da alma humana, o requisito urxente de normalizar o tratamento da saúde mental como soubemos facer ca saúde do corpo e que, por algún motivo preferimos ignorar.

Intúese de entrada que a angustia e o desasosego que provoca o suicidio vai máis alá da dor pola perda dunha vida. Porque o desafío que lanza o suicida aos valores sobre os que nos fundamentamos é tan fondo que, ao loito e á perda, engádeselle o cuestionamento da existencia. Ese interrogante sobre o verdadeiro valor da vida resulta tan incómodo e tan difícil de afrontar ,que a súa ocultación convértese nunha das razóns do escurantismo e tabú que rodean o suicidio. A incógnita que se despexa no acto de elixir a propia morte atribúe tan pouco valor á vida que a súa lóxica desborda os límites da razón entre os que nos manexamos. […]

Os ollos do suicida captan a imaxe dun mundo sen piedade que o leva por diante sen inmutarse. O que vai morrer pola súa propia man mira á cara á morte e nada detén a súa incomprensíbel iniciativa porque absolutamente nada o reconforta. O suicida denuncia co seu xesto todas as soidades, os abusos, a incomprensión, as inxustizas e a violencia que quedarán sen resolver para sempre. Igual que petrifica a visión de Medusa, os ollos do suicida no momento de morrer xearían a alma de tal xeito que non poderiamos sosterlle a mirada. Neles confúndese a desesperación terminal co reproche a un mundo que o venceu e, como único recurso, devolve a agresión estendéndoa aos demais a través do seu propio corpo. (A mirada do suicida xa comunica en vida a súa mensaxe de angustia, como recolle nas súas últimas palabras un home de 49 anos, que escribiu esta nota antes de dispararse unha bala na cabeza: “Estou sentado só. Agora, por fin, libre do tormento mental que estiven experimentando. Isto non debería ser unha sorpresa. Os meus ollos falaron durante moito, moito tempo desta angustia que sinto. O rexeitamento, os fracasos e as frustracións téñenme laiado. Non hai maneira de saír deste inferno. Adeus, amor. Perdóame”. )

Non soportamos esa mirada saturada de sufrimento e a nosa reacción natural é apartar a vista. Pero faise imprescindíbel elevar a cota de humanidade coa que nos tratamos uns aos outros e a nós mesmos, e facernos cargo dos niveis de padecemento psíquico que xera vivir. E o primeiro paso consiste en mirarnos aos ollos. […]

Por todos os familiares e todas as vítimas da menos desexábel das mortes – a morte desexada -, e a modo de manifesto, gustaríame que esta lectura servira de algún xeito para elevar a conciencia sobre esta alarmante realidade, para facer chegar a mensaxe de que o suicidio nos incumbe a todos. Ben sexa porque porque a nosa propia vida nos enfronta a el, ben porque alguén a quen queremos nos coloque na tesitura de lamentar a súa morte, ou porque é un feito demostrado que ao noso arredor padécese as súas consecuencias ante o descoñecemento xeral. É notábel a incapacidade para ofrecer alivio dun mundo que non entende o suicidio e que só sabe procesalo en forma de escándalo segredo. Pero resulta prioritario miralo de fronte e identificar ese inimigo solapado que nos asalta no medio da indefensión absoluta. Debemos revelarnos ante a idea de vivir inermes e pasivos ante a realidade ominosa da que ninguén quere falar.”

Escoitar o programa:

Descargar este programa

Neste programa soou:

Cabeceira: Namorados no AndénFernando Barroso (Intropía)
Badaladas pola prevención do suicidio
Billie Holiday – Gloomy Sunday
Silvia Pérez Cruz – Alfonsina en el mar
Los Enemigos – Septiembre
Davide Salvado – Liulfe
Myriad Drone – The White Lodge (Laura Palmer’s Theme)
Namorados no AndénFernando Barroso (Intropía)

Máis información:

Movemento Galego da Saúde Mental
Badaladas pola prevención do suicidio
Documento da OMS Prevención do suicidio ‘Un instrumento para os profesionais dos medios de comunicación.
Prevención do suicicio un imperativo global da OMS
La Mirada del suicida, el enigma y el estigma, Juan Carlos Pérez Jiménez

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s